Friday 19 de April de 2024

O Concello amplía a oito horas a gratuidade na Rede de Escolas Infantís Municipais


Aprobada a modificación do PXOM que permite á Administración local obter a cesión gratuíta dun edificio singular e espazos para a creación de zonas verdes e vivendas de protección na avenida do Ferrocarril

O Pleno do Concello da Coruña deste mes de febreiro aprobou de maneira definitiva a ampliación a oito horas a gratuidade na Rede de Escolas Infantís Municipais. Desta maneira, o Goberno de Inés Rey incrementa as prestacións e servizo das escolas que forman parte da rede municipal, sumando dúas novas horas sen custo para as familias.

O Goberno de Inés Rey foi o primeiro que introduciu en Galicia a gratuidade das escolas infantís de titularidade propia, unha iniciativa pioneira ideada para facilitar o acceso ao ensino das crianzas de ata tres anos e a conciliación dos pais e nais. Máis de 700 familias beneficiaranse agora desta nova medida.

“A Coruña foi pioneira hai 35 anos na creación das súas escolas infantís e tamén o foi ofrecendo a súa gratuidade, medida á que a Xunta de Galicia se acolleu un ano despois.

Agora, volvemos actuar para mellorar este servizo e influír na calidade de vida dos coruñeses e coruñesas”, sinalou Jesús Celemín, concelleiro de Educación.

Obras da Intermodal

Por outra banda, o Pleno de febreiro tamén aprobou unha serie de modificacións puntuais no Plan Xeral de Ordenación Municipal que permitirán seguir avanzando no proxecto de creación da futura estación intermodal da Coruña. O Concello investirá máis de 14 millóns de euros, que irán destinados á propia estación e tamén á renovación urbana da Sardiñeira e da avenida do Ferrocarril.

Neste último caso, un dos puntos aprobados hoxe determina a cesión gratuíta ao Concello do edificio antes ocupado polo concesionario de A.C. Medín S.A. da avenida do Ferrocarril, un edificio singular de valor arquitectónico que terá uso público. O Concello tamén incorporará novos terreos onde se crearán zonas verdes e espazos de lecer para a cidadanía e un 10 % de espazo para a creación de novas vivendas de protección oficial. O pleno aprobou tamén outra modificación do PXOM que dá cobertura aos traballos xa en marcha na intermodal e a posibles ampliacións futuras.

“Este proxecto, impulsado desde o primeiro momento polo Goberno de Inés Rey, conseguiu desbloquear as negociacións entre administracións, asinar o convenio e, o ano pasado, comezar as obras da futura estación”, sinalou Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestrutura e Mobilidade. O pleno tamén aprobou outra modificación puntual do PXOM, neste caso en relación a uns terreos situados na avenida de Fisterra e tras atender parcialmente as alegacións presentadas por Starco Invest. Este espazo pasará a ter a consideración de solo urbano consolidado.